Cento cincuenta fotografías, a inmensa maioría descoñecidas para os lectores, e unha presada de textos, debuxos e postais, compoñen Vida e época de Vicente Risco, un libro que repasa a biografía do autor de Teoría do nacionalismo galego dende a súa infancia na última década do século XIX até o seu falecemento en 1963. Editado pola británica Amberley, un selo especializado en compilacións de fotografías antigas cun ano de experiencia no mercado español, o volume bebe sobre todo dos fondos da fundación que leva o nome do intelectual ourensán, aínda que incorpora tamén achegas adicionais de Alfonso Vázquez-Monjardín e a familia Conde-Corbal. Un percorrido bilingüe, en galego e en castelán, pola vida dunha das figuras máis controvertidas da Xeración Nós.

Coordinado por Luís Martínez-Risco, secretario da fundación, e estruturado en cinco capítulos, o volume que onte se presentou na Asociación de Artesáns de Ourense empeza por ubicar o personaxe entre os seus e nos espazos que frecuentou ao longo da súa vida, no triángulo Ourense-Castro Caldelas-Allariz. A seguir, amosa unha serie de estampas da vida rural galega entre os anos vinte e corenta, cun apartado enteiramente dedicado ás festas populares, para acabar coas que foron dúas das principais teimas de Risco: Galicia e Europa.